Noticia no Correo Gallego do 20/01/22

Historias vitais de mulleres na Costa da Morte

O proxecto As voces das mulleres botou a andar no Couto (Ponteceso) e en Malpica coas testemuñas e historias vitais de veciñas da Costa da Morte, que foron recollidas por Bibiana Martínez, doutora en Antropoloxía Social, quen centra a súa investigación no rural.

O coidado dos maiores, a dependencia económica e a emigración como modelo para fuxir dunha economía paupérrima nos anos 60 formaron parte desa realidade exposta polas mulleres participantes. Moitas delas foron emigrantes, e falaron de “vidas de penurias” pola división das familias, xa que moitos fillos quedaron en Galicia baixo o coidado dos seus avós e avóas.

A iniciciativa, deseñada pola produtora teatral Aantena, que dirixen Bernardino Martínez e Xosé Leis, e subvencionada pola Deputación da Coruña, forma parte dun proxecto de teatro comunitario para traballar con mulleres en espazos rurais de Ponteceso, Malpica e Coristanco, co obxectivo de xerar dramatizacións dos seus oficios e as tradicións do lugar, e que rematará coa creación dun roteiro cultural en diferentes espazos de cada localidade.

A próxima cita será o luns, día 24 ás 19.00 horas, no Centro Cívico de Malpica. O programa contempla cinco xornadas coa antropóloga Bibiana Martínez nos tres concellos.

Unha vez que remate o proceso de investigación, no que participa tamén unha educadora social, Aantena porá en marcha un obradoiro de creación de escenas coas que encherán de contido o vieiro cultural. Unha iniciativa que pretenden facer chegar tamén aos escolares a través de representacións para centros de Primaria nos propios roteiros.