Noticia en NH Diario do 19/01/22

Presentada en Malpica a iniciativa ‘As voces das mulleres’

19 Xaneiro 2022

Trátase dun proxecto onde se recollerá información sobre a cultura do lugar a través dunha perspectiva de xénero para visibilizar o papel da muller no rural

O Centro Cívico de Malpica acolleu na tarde deste luns a presentación ‘As voces das mulleres’, unha iniciativa da compañía teatral Aantena que conta co apoio da Deputación da Coruña e na que ademais colabora o Concello de Malpica.
A través dun proxecto de teatro comunitario traballarase pola memoria das mulleres do rural buscando obter como resultado a creación dunha ruta cultural e teatral. Para iso recompilarase información sobre a cultura inmaterial local desde unha perspectiva de xénero e en base a criterios antropolóxicos.
Con todo o material recollido e seleccionado realizarase unha intervención teatral na que as participantes serán as propias protagonistas. Os contidos creados estarán dispoñibles en varios formatos e poderá verse nunha páxina web creada especificamente para o proxecto.
Nesta iniciativa pode participar calquera persoa con inquietudes artísticas ou que simplemente coñeza ben a cultura popular do lugar. Será necesario poñerse en contacto co consistorio ou coa propia entidade.
A próxima cita no municipio malpicán será o próximo luns, ás 19.00 horas, no Fondo Lugrís do Centro Cívico (a cúpula).