O proxecto

As voces das mulleres

 

É un proxecto no que participan tres concellos: Coristanco, Malpica e Ponteceso.

Trátase da creación dun Obradoiro de Teatro Comunitario coa finalidade de construír  un Vieiro cultural do Concello.

Tras un tempo de investigación e faladoiro coas veciñas preténdese dar voz e corpo á vida invisible das mulleres rurais, ás vidas anónimas; para finalizar cunha  homenaxe a todas elas –exemplo de empoderamento e que nos lembran que paga a pena seguir loitando pola igualdade de oportunidades e polo recoñecemento–.

O traballo é o resultado de catro meses de investigación e entrenamento teatral coas habitantes do lugar, amantes do teatro. Tralas conversas e a creación das escenas, concluirá cun roteiro .

O vieiro realizarase coa representación de pezas teatrais en catro recunchos do pobo, onde se contarán catro historias, que mesturan realidade e ficción.

Durante o  percorrido haberá un acompañamento musical a cargo dun grupo de percusión ou banda do lugar.

02

EQUIPA DE TRABALLO

Bibiana Martínez Álvarez

Antropóloga social

Vanessa Rivas

Educadora social

Bernardino Martínez

Pedagogo teatral

Xosé Leis

Pedagogo teatral

VALORACIÓNS

Valoración de Vanessa

Dende o meu punto de vista como educadora social vinculada ás artes escénicas, valoro moi positivamente este obradoiro de creación pola súa utilidade a nivel de crecemento colectivo. Nas localizacions onde puidemos traballar de xeito grupal resultou evidente a escoita, a empatía e os vínculos que se trazaron entre as mulleres.

As condicións actuáis máis a participación voluntaria das asistentes fixeron que a presencia das mesmas non fose estrictamente constante. Isto deu lugar a momentos máis festivos, de desfrute ou de xogo, e outros máis intimistas e reflexivos.
Considero moi valiosa a xenerosidade destas mulleres, que nos recibiron sempre cun sorriso e nos abriron pequenas ventás ás súas vidas, moitas veces dende a comicidade, aínda que estivésemos falando de cousas serias. Isto da una idea da fortaleza e o poder de superación das implicadas.

A nivel persoal, a sensación é de enriquecemento e dun profundo agradecemento por ter a oportunidade de achegarme a unha realidade que podemos sentir ás veces como allea pero que é, en realidade, a base do noso presente.
Se cadra, non nos miramos do mesmo xeito tras estes encontros. Nin entre nós, nin a nós mesmas.

Valoración de Bibiana

A experiencia persoal do meu traballo no proxecto das Voces das Mulleres foi única.

Como antropóloga, permitiume explorar as ferramentas etnográficas características da nosa disciplina, nun proxecto aplicado que tentaba ter a súa pegada nas comunidades nas que se levou a cabo. Comunidades rurais que teñen moito que dar e moito que dicir.

De xeito particular permitiume afondar na experiencia e vivencias das mulleres, que a través da súa (sempre xenerosa) participación no proxecto realizaban, case sen ser conscientes, unha importante labor de cohesión comunitaria.

As súas narrativas vitais, nas que destacaban elementos primordiais como a emigración, a precariedade, os coidados e a importancia da permanencia dos vínculos familiares e por extensión de toda a comunidade rural, son fontes primordiais de transmisión de coñecemento na nosa sociedade.

Sobre aAntena

 

Bernardino Martínez e Xosé Leis xuntan os seus camiños e esforzos creando aAntena no ano 2016.

aAntena nace coa misión de escoitar e atender esas pequenas historias que fan grande a nosa realidade humana.

aAntena expón como principio atender á nosa sociedade e á nosa historia para expoñela diante dos ollos da audiencia.

aAntena pretende escoitar e falar para todas as idades .

O compromiso social e histórico dos compoñentes así como a procura da xeración de atmosferas e novas realidades en escena é o desencadeante do xerme do camiño de aAntena.

aantenasc.com

aantenasc@gmail.com

Tel: 649.66.78.11 /  659.26.96.15